miércoles, 20 de junio de 2007

Unha boa nova

A finais da semana pasada a nosa coordinación informounos que disfrutariamos dunha semaniña de vacacións no vindeiro mes de Agosto.
A verdade é que a nova nos colle por sorpresa, xa non agardabamos vacacións este ano, e, por suposto, é moi ben recibida.
Aínda que non sexa unha semana enteira de vacacións, o día 15 é festivo, e o 16 en moitos concellos tamén, é moitísimo mellor que nada (que era o que agardabamos).
Así que, por unha vez, moitas gracias á nosa coordinación por esta inesperada e agradábel nova, a verdade é que despois de tanto obradoiro, de tanto "a min iso non me sae", "pechouse todo", "eu non lle din a nada",... un descanso virá pero que moi ben para voltar con mais forza se cabe.

martes, 5 de junio de 2007

O software libre triunfa no rural

Podemos ler na edición dixital de hoxe do periódico de Extremadura que o software libre ten mais éxito, nesa comunidade, nas localidades pequenas do rural.
Segundo unha enquisa realizada polo Observatorio Extremeño da Sociedade da Información o 52,2% da poboación dos concellos de menos de 5.000 habitantes utilizan software libre.
A porcentaxe paréceme elevadísima, dubido moito que, na nosa comunidade, tanta xente saiba sequera o que é o software libre.
Vese que a política extremeña de poñer software libre nos ordenadores da administración da os seus froitos, e sobre todo no rural.
Dende logo parece unha medida efectiva para promover o software libre, aforrar uns cartos e polo que se ve tamén parece apropiada para dinamizar o rural, obxectivo fundamental polo que se creou a bolsa que "disfrutamos" neste intre.

lunes, 4 de junio de 2007

...e saiu cruz

Para aqueles que se quedaron coa dúbida de saber que pasou en Carataunas, o pobo granadino que decidía o seu alcalde tirando unha moeda ao aire, dicirvos que saiu cruz, así que gobernará o alcalde do PP.
O sorteo realizouse con unha moeda de 20 céntimos de euro, moeda que conservará o alcalde como recordo do seu éxito.
Este non foi o único concello que precisou dun sorteo para proclamar alcalde. En Almedíjar, Castellón, o candidato socialista e o popular empataron a 109 votos.
A diferenza con Carataunas o sorteo realizouse metendo 10 bolas numeradas do 1 ao 10 nun saco. O representante que sacara a bola co número mais alto sería o agraciado. Tamén a diferenza de Carataunas esta vez os afortunados foron os socialistas que sacaron un 9 por un 2 do seu rival, anterior alcalde.

viernes, 1 de junio de 2007

O alcalde a cara ou cruz

A nova non ten que ver coa dinamización, nin coas novas tecnoloxías e nin sequera coa nosa comunidade, pero parécenos tan curiosa que queremos comentala.
O caso é que segundo a edición dixital de el país de hoxe o alcalde de Carataunas, poboación granadina, será elexido mediante un sorteo.
Polo visto é un pobo pequeno, con cinco concelleiros, e Partido Popular e Partido Socialista empataron con 66 votos, polo tanto non se sabe a quen darlle o quinto concelleiro.
Pois ben, polo que di a nova a lei estabrece que en caso de empate sexa o azar o que reparta ese último concelleiro, ambos os dous partidos contan con dous concelleiros e o sorteo determinará quen leva o terceiro.
É dicir, que aínda por riba o gañador do sorteo contará con maioría absoluta, maioría acadada por ser mais afortunado.
Despois de meses de campaña (aínda que queiran vender que foron 2 semanas), de mítines, de altavoces, de non falardes de outra cousa... pode ser un moeda a que decida o futuro dun pobo, por moi pequeno que sexa.
Tamén nos chama a atención que ao candidato socialista lle parece ben esta postura, debe de pensar que é un home con sorte.
Pois que o azar sexa benevolente cos cidadáns de Carataunas.

Apoiamos a Isaac Diaz Pardo