Nestes últimos días teñen pasado bastantes cousas, das que, coma sempre, nos enteramos grazas a algún enlace que comparte a pouca información que ten, moitas veces, coa ilusión de que nós poidamos pagarlle coa mesma moeda... e que máis quixéramos.
En resumo, e ata onde nós sabemos, a Fundación mandou unha serie de documentación ás entidades para adherirse á rede CeMIT, onde introduce unha serie de requisitos e condicións a cumprir tanto pola entidade como polo axente TIC, que debemos ser nós.
Destacan feitos como que nos concellos de menos de 5000 habitantes, o axente TIC estará a media xornada, que as entidades terán que sacar unha convocatoria para collernos, con todos os problemas que de aí se derivan. @s dinamizador@s que están lonxe da casa, quererán presentarse, e con todo o dereito do mundo, en entidades que lle sexan máis próximas, por non falarmos de antig@s compañeir@s nos@s que poderían presentarse tamén. Tod@s sabemos como son estas convocatorias, así que o noso consello, por triste que pareza, é que vaiades facendo a rosca nas vosas entidades, o noso futuro está nas súas mans.
Compre destacar que nesa documentación, aquel que non a teña e queira recibila non ten máis que pedírnola por correo electrónico, atopamos unha ausencia xa que se nos prometera a subrogación do noso contrato, é dicir que se conserven todos os dereitos que fomos acumulando neste tempo. Desta promesa non atopamos nin media verba na documentación recibida polas entidades.
Estes son os motivos polos que o noso comité pretende xuntarnos e explicarnos como está a situación a día de hoxe, sobra dicir que esta xuntanza é do interese de tod@s nós.
E para isto quixera facer un chamamento á nosa unidade, a única arma que temos, obviamente podemos ter diversos puntos de vista, que haberá que pór enriba da mesa e debatir. Pero o importante, o que pode asustar, é que as decisións que tomemos sexan comúns a tod@s independentemente do esforzo que nos poida costar chegar a puntos de encontro, por que como reza o título do artigo a unión fai a forza.
E para iso non está de máis sinalar que, como xa se ten probado, algúns comentarios non buscan máis que o contrario, dividirnos, faltarnos ó respeto, e desviar a nosa atención do importante. Claramente non pertencen ó noso colectivo, non teñen as nosas inquedanzas e polo tanto non pintan nada, por desgracia nada se pode facer para controlar quenes son, agás o noso sentido crítico.
Ánimo para tod@s que nestes tempos que corren boa falta fan.